RSS

Arquivo da categoría: Fotos

A festa das cabazas

Xa chegou o outono (vaia se chegou!) e con el o frío, a chuvia, as follas polo chan, as noces, as castañas, as cabazas…

Por sexto ano consecutivo, a cabaza será a protagonista durante esta semana no colexio coa celebración do Samaín, festa que ten a súa orixe antes de Cristo entre os antigos pobos celtas. Segundo os historiadores, estes observaban uns rituais no fin do verán e facían sacrificios a Samaín, que era o seu deus da morte e dos malos espíritos. Con esta festa sinalábase o comezo do novo ano celta.

Contamos coa colaboración de todos/as para que a exposición sexa, un ano máis, un éxito de participación. Lembrade que haberá premios para as máis elaboradas ou orixinais aínda que o importante é participar e manter esta tradición que forma parte da nosa historia e, por iso, haberá tamén diplomas para todos/as os/as participantes.

Para que vos animedes, déixovos unha mostra de anos anteriores.

 
Deixar un comentario

Publicado por o 24/10/2011 en Aula, Fotos, Vídeos

 

Xa estamos de volta

Ola a todos/as de novo. Despois destas longas, longas vacacións, agardo que veñades coas pilas ben cargadiñas porque temos moito traballo por diante neste curso que está a piques de comezar. E para empezar a nova tempada nada mellor que lembrar o último capítulo da anterior, así que aquí vos deixo un vídeo da excursión de fin de curso a Lugo e ao castro de Viladonga do pasado mes de xuño.

Vémonos o luns!

 
3 Comentarios

Publicado por o 07/09/2011 en Aula, Fotos, Vídeos

 

Viaxe ás Illas Cíes

Moi interesante a visita que realizamos ás Illas Cíes. Viaxe en tren dende Padrón ata Vigo, en autobús ata o porto e en catamarán ata as Cíes. Alí fixemos unha ruta guiada onde coñecemos un pouco máis sobre a historia, a flora e a fauna e, sobre todo,  gozamos dun enclave natural extraordinario que conta cunhas paisaxes marabillosas.

 

 
5 Comentarios

Publicado por o 29/05/2011 en Aula, Fotos, Vídeos

 

Visita aos muíños de Seira

Moi interesante e didáctica resultou a visita de onte aos muíños de Seira. Nina explicounos con detalle tódolos aspectos relacionados con estas construcións que tiveron unha enorme importancia económica e social na vida da Galicia rural. Dende hoxe, palabras para nós descoñecidas como moega, capa, lovada, rodicio, segorella, ra… xa forman parte do noso vocabulario. Nas nosas mans está conservar e transmitir esta riqueza que segue presente na memoria dos máis vellos para que cando eles non estean non queden no esquecemento.

O muíño roula, roula,
o muíño roulador.
Volta as augas do regato
en marmurio cantador.
 
O muíño roula, roula,
e non deixa de roular,
e coas augas do regato,
o rodicio fai cantar.
 
4 Comentarios

Publicado por o 12/04/2011 en Aula, Fotos, Lingua Galega

 

Non quedaron mal!

Vai cun pouco de retraso pero, por se aínda non vos vírades ben, aquí deixo unha foto de aula cos disfraces do entroido. Ghuapos, ghuapos!!

Noraboa a todos, sobre todo a Loli, polo esforzo.

 
11 Comentarios

Publicado por o 23/03/2011 en Aula, Fotos