RSS

Arquivo da categoría: Fotos

Día do libro infantil e xuvenil

Se eu fosse un livro

O pasado sábado conmemorouse o “Día do Libro Infantil e Xuvenil” e no noso cole non quixemos faltar á cita. Este luns, varios compañeiros e compañeiras de 6º pasaron polo resto das clases para lerlles algún libro. Tampouco faltou a lectura compartida na nosa aula.

“Se eu fosse um livro”, de José Jorge Letria e André Letria e “Taller de corazóns”, de Arturo Abad foron as lecturas que nos presentaron Iago, Ainhoa e Laura. Ámbolos dous breves pero moi interesantes e que convidan á reflexión.

Taller de corazóns

Aproveitemos a ocasión e reflexionemos sobre este proverbio hindú que fala dos libros: Un libro aberto é un cerebro que fala; cerrado, un amigo que espera; esquecido, unha alma que perdoa; destruído, un corazón que chora.

 
4 Comentarios

Publicado por o 04/04/2016 en Aula, Fotos, Libros

 

Mochilas en ruta

As mochilas viaxeiras póñense en ruta. Hoxe recollemos a nosa, que fará a primeira parada na casa de Miguel e cada semana irá pasando por todas as demais para entretemento e diversión de toda a familia Ler e andar, dúas actividades máis que interesantes, pois xa o dixera Miguel de Cervantes: “O que le moito e anda moito, ve moito e sabe moito”.

Felices lecturas!

Mochila viaxeira 6º

 
4 Comentarios

Publicado por o 23/10/2015 en Aula, Fotos, Libros

 

Foto de familia

Por fin, despois dun inicio de curso complicado por diferentes motivos, botamos a andar o blog coma tódolos anos. Unha boa maneira de facelo é con esta foto da familia (ben numerosa, por certo) que comeza o curso con ánimos renovados e con ganas de afrontar a última cita coa Educación Primaria co propósito de que sexa un ano proveitoso para todos/as.
Deixounos un compañeiro, ao que lle desexamos que as cousas lle vaian o mellor posible no seu novo centro e recibimos a outro que se incorpora ao grupo, a quen lle desexamos tamén que se sinta o máis a gusto posible entre nós.
Imos aló.

6º EP

 
3 Comentarios

Publicado por o 06/10/2015 en Aula, Fotos

 

Bo Nadal

DSC06100Chegamos a estas datas nas que a todos nos gusta esquecernos das cousas malas que nos ocorreron ou fixemos ao longo do ano e formulamos desexos e bos propósitos para o seguinte. Con esta foto de familia da clase de 5º queremos felicitarnos e felicitarvos a todos e todas, nomeadamente á comunidade educativa do CPPI dos Dices, nestas datas especiais. Saúde, sorte e constancia para tentar ser mellores. BO NADAL a tod@s!!

DSC06103

 
9 Comentarios

Publicado por o 19/12/2014 en Aula, É noticia, Fotos

 

Oficios tradicionais galegos

Para completardes o traballo que estades a facer sobre os oficios tradicionais de Galicia podedes visitar tamén a páxina web do Museo do Pobo Galego (Santiago), que alberga, entre outras, unha exposición permanente sobre os oficios. Alí tedes información e fotografías moi interesantes sobre o tema pero hai moito máis. Máis interesante sería aínda que o visitarades persoalmente cos vosos pais se aínda non o fixestes.

Máquina de afiador

 
1 comentario

Publicado por o 13/03/2014 en Fotos, Lingua Galega

 

Palabras de auga

DSC05305

Onte estivo con nós Marcos Calveiro, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, polo seu libro Palabras de auga, con quen compartimos unha entretida sesión que nos serviu para coñecer máis en profundidade a cruel realidade dalgunhas tribus africanas coma a que se menciona no texto, que teñen que loitar pola súa supervivencia contra a fame, a explotación e a guerra. Unha realidade actual, á que lle damos as costas, mirando para outro lado e facendo oídos xordos dende a nosa atalaia de privilexio. Palabras de auga que desexamos que sexan de esperanza e de concienciación diante dunha realidade que nos pode parecer moi lonxana pero que está aí, ao noso carón.

DSC05295

 
2 Comentarios

Publicado por o 09/05/2013 en Aula, Fotos, Libros, Lingua Galega

 

Encontro con Xosé Neira Vilas

Con motivo da exposición “Querido Balbino, 50 anos de Memorias dun neno labrego” no Multiúsos de Rois, tivemos ocasión de facer un percorrido pola vida e obra de Xosé Neira Vilas, coñecer a fondo a Balbino e, sobre todo, compartir as experiencias e ilusións deste escritor que aos seus 84 anos desprende vitalidade e atópase moi cómodo diante de rapaces coma nós.

IMG_0436_50p

 
3 Comentarios

Publicado por o 06/05/2013 en Aula, É noticia, Fotos, Lingua Galega

 

O ano que vimos a luz

O ano no que a meirande parte dos nenos e nenas de 5º vimos a luz (2002) Galicia estivo a piques de escurecer por completo. No mes de novembro, unha enorme mancha que medraba cada día foi cubrindo de negro chapapote a marabillosa costa que nos baña e matando ao seu paso a extraordinaria biodiversidade das nosas costas. O “Prestige“, un enorme petroleiro que navegaba fronte á costa galega derramou preto de 70.000 toneladas de fuel que causaron un desastre ecolóxico sen precedentes e que levou por diante a beleza das nosas rías e tamén as ilusións e o sustento de moitas familias que vivían do mar. Dez anos despois é noticia porque acaba de comezar o xuízo que deberá aclarar quen foron os responsables deste delito.

Podedes ver aquí o que dicía a prensa o día 17 de novembro cando o buque aínda non se afundira pero xa deixara un regueiro de chapapote no mar e o 19 de novembro, día en que definitivamente se confirmou o seu afundimento e o pesadelo comezaba.

Pica na imaxe inferior para ver máis fotos do desastre.

 
6 Comentarios

Publicado por o 18/10/2012 en É noticia, Fotos

 

Novo curso, caras novas

Xa estamos de volta un curso máis, nesta ocasión con caras novas e ánimos tamén renovados. Esta é a foto de familia dos nenos e nenas de 5º, que ao longo deste curso e do seguinte iremos mantendo e actualizando este blog coas cousas que creamos máis interesantes das experiencias e actividades que vaiamos vendo de agora en diante.

Benvidos/as.

5º Primaria

 
17 Comentarios

Publicado por o 09/10/2012 en Aula, Fotos

 

Ovos de raia

Todos os temos visto nalgunha ocasión en calquera das moitas e fermosas praias de Galicia sen saber moi ben de que se trataba: algún bicho morto, obxectos de plástico tirados ao mar… Nada máis lonxe da realidade. Son, nin máis nin menos, que ovos de raia. Claro que cando os vemos aboiando na beira do mar xa non teñen o embrión dentro e o único que queda é a casca externa que o protexeu durante o seu desenrolo. Os filamentos que teñen nos catro extremos sérvenlles para suxeitarse ás algas mentres completan o crecemento.

Algúns chámanlle, pola súa forma, “moedeiros de serea”.

Estes foron recollidos en Praia América (Nigrán), moi pretiño de Vigo a primeiros deste mes de outubro. Témolos na clase de 6º por se alguén ten curiosidade e quere pasar a ollalos.

Ovos de raia

 
2 Comentarios

Publicado por o 24/10/2011 en Aula, Coñecemento do Medio, Fotos